domingo, 31 de agosto de 2008

ACTA DA ASEMBLEA ORDINARIA DO 22 DE AGOSTO DE 2008

Reunidos en Asemblea Ordinaria, o 22 de agosto de 2008, ás 17:30, en segunda convocatoria, no local da Asociación de Empresarios do Tambre (Santiago de Compostela), coa presencia dos seguintes membros:

A Citania Arqueoloxía, S.L.
D.O.A., S.C.
Prospectiva y Análisis Arqueólogos, S.L.
Tomos, Conservación y Restauración, S.L.

A Asemblea comenzou coa lectura e aprobación da acta anterior, tratándose a continuación os seguintes puntos:

1. Comunicación e lectura das contrapropostas realizadas pola CIG ó borrador do Convenio Laboral presentado pola AEGA:
 Artigos 14, 16, 18, 22, 24, 29, 31 e disposicións adicionais: foron aceptados pola CIG sen ningunha modificación.
 Artigos 13 e 15: estes dous artigos teñen que ser presentados pola CIG na Asemblea de Traballadores para a súa aprobación.
 Artigos 27 e 28: a CIG detectou algúns erros, polo que só temos que adaptalos ó estipulado no Estatuto dos Traballadores.
 Artigo 12: a CIG propón que o Técnico do Grupo I só esteña baixo o control do Director e da Empresa; que se especifique que o Técnico Especialista do Grupo II non é arqueólogo; suprimir a primeira función do Encargado; e que o Auxiliar de apoio non pode ter máis de 12 meses de experiencia. Todas estas propostas foron aceptadas pola Asemblea.
 Artigo 17: A CIG aceptou os puntos 1 a 5, pero no punto 6 reclama unha indemnización por cese do 4,5%. A Asemblea decide manter o 2,5%.
Ademais, a CIG propón un punto 7 que especifique que o 25% do persoal contratado en cada obra debe estar ocupado por persoal das categorías I e II, proposta que foi aceptada pola Asemblea.
 Artigo 20: a CIG propón que o pago de nóminas se faga por transferencia bancaria e suprimir, polo tanto, o punto 2. Esta proposta foi aceptada pola Asemblea.
 Artigo 21: a CIG propón incrementar o importe da hora extra nun 75% ou 1 hora e 45 min. Esta proposta foi aceptada pola Asemblea.
 Artigo 23: a CIG propón que o Complemento de IT sexa pola totalidade da obra, pero a Asemblea decide manter a súa proposta orixinal.
 Artigo 25: a CIG propón, na xornada partida, un descanso diario de 20 min.; a reducción da xornada laboral a 39 horas para o 2010; e na xornada continua un descanso de 30 min. A Asemblea só acepta este último punto.
 Artigo 26: a CIG só propón modificar que as Festividades locais sexan fixas, ben do domicilio social ou ben do centro de traballo, sendo as primeiras as elexidas pola Asemblea.
 Artigo 30: a CIG só propón a inclusión do último parrafo da súa proposta orixinal, que foi aceptada pola Asemblea.
 Artigo 32: a CIG propón a supresión deste artigo, pero a Asemblea decide mantelo.

2. Na presente Asemblea, á proposta dos membros asistentes, tamén se aceptaron os seguintes puntos:
 Comunicar á Administración competente os acordos que se alcancen entre a AEGA e a CIG para a revisión e adaptación ó Convenio dos presupostos oficiais.
 Incidir, no momento de tratar os criterios de Calidade, sobre os baremos empregados pola Administración nas súas ofertas públicas.

A seguinte Asemblea Ordinaria acórdase convocala unha vez que teñamos a resposta da CIG a nosa contraproposta do Convenio Laboral.

Santiago, 25 de agosto de 2008



Andrés Bonilla Rodríguez Juan Carlos López García
Presidente Secretario Xeral

No hay comentarios: